
A Noite Celta de Comando Celta resulta de obrigada visita e disfrute para todos aqueles que se atopen en disposición de pasalo ben. O último sábado do penúltimo mes do ano é data reservada en toda axenda celtista. A Noite Celta, polo seu contido lúdico, gastronómico e musical, é das que deixan pegada, das que un obrígase a repetir ano a ano dado o ambiente e animación que sempre ofrece.
Dende as súas primeiras edicións son convocados comandistas e simpatizantes do noso Celta a acudir ó Furancho da Balsa a tomar boas tapas, todas elas caseiras, e regadas con bo viño, excelentes postres e sobre todo, non podía faltar o rei da mesa, o licor café.
Simultaneamente ós actos culinarios os grupos de gaitas amenizan, dan cor e poñen o selo de identidade a unha festa que se prolonga ata a madrugada. Tamén ó longo da noite se celebran sorteos, soa música tradicional e baile galego, para delite de todos os asistentes.
Menú: empanada, tortilla, orella, chourizo frito, callos, roscón e café.
Data tope para a retirada de entradas: luns 23 de novembro.
¡Non faltes!

